Liña 2

15

Ferraxaría Pedrouzo

O Xestal (Carlos Diaz Gestal)

A Coruña, 1933 - A Coruña, 1993
Folclorista, músico, contador de contos e humorista

Trátase dun paisano que foi á feira a Carballo facendo a ruta entre A Cruña e Carballo, xa se sabe, e cando saíu da casa díxolle a muller:
—Ou, Farruco, cando cheghes aló a ver se te acordas de ir á ferretería; alí á de Pacoret ou á de Pedrouzo, a calquera delas, e a ver se traes unha rateira, ho, que entraron os ratos no cabás e acábannos co millo todo.
O patrón cheghou a Carballo, metiuse na ferretería e díxolle:
—Buenos días!
—Buenos días, ho, que deseaba?
—E ten rateiras?
—Alghunha paréceme que temos.
—Pois a ver se me despacha unha axiña, que quería pillar o trole.
—Ai, mire: tan ghrandes non as temos.

A rateira

1988

Lugares

Trátase dun paisano que foi á feira a Carballo facendo a ruta entre A Cruña e Carballo, xa se sabe, e cando saíu da casa díxolle a muller:

—Ou, Farruco, cando cheghes aló a ver se te acordas de ir á ferretería; alí á de Pacoret ou á de Pedrouzo, a calquera delas, e a ver se traes unha rateira, ho, que entraron os ratos no cabás e acábannos co millo todo.

O patrón cheghou a Carballo, metiuse na ferretería e díxolle:

—Buenos días!

—Buenos días, ho, que deseaba?

—E ten rateiras?

—Alghunha paréceme que temos.

—Pois a ver se me despacha unha axiña, que quería pillar o trole.

—Ai, mire: tan ghrandes non as temos.

A rateira - O Xestal

Obra: A rateira, do disco Contos de Bergantiños, 1988.

Localización do panel: ferraxaría Pedrouzo (praza de Galicia).

Iste era un matrimonio que ninghún dos dous era moi ben dado. E resulta que ela estaba próxima xa a parir e díxolle unha veciña que, cando se puxera a ese labor, que lle puxera un vela a San Ramón, que é o avogoso das mulleres que van parir. A ela non lle caiu en saco roto e díxolle ó home:

—Ou, Manuel, o día que vaias a Carballo vaite aí á do Cereiro e, de camiño que me traes un pouquiño de chiculate, tráeme tamén unha veliña pró santiño, ho, a ver se me axuda nese día, que boa falla me ha facere.

E, afeutivamente: el tróugholle o chiculate, tróugholle a vela, o chiculate pousouno alí enriba dunha mesa, pro a vela non souperon onde a puxeran, viñéronlle os dolores do parto, a vela non aparecía, ela berraba coma unha tola, el andaba aturrullado pola casa adiante e ela berraba:

—Ai, Dios mío, busca esa vela, Manuel, busca esa vela que esto non se pode aghuantar, Dios mío!!!! Ai, que morro rebentada, Dios mío!!! Ai, San Ramonciño bendito me axude!!! Ai, busca esa vela, Manuel!!!

—Pro non a atopo, muller, eu que queres que faga!

—Busca esa vela, Manuel, que, como non a atopes, outro fillo nesta casa non se fai!!!

Por fin atopou a vela, pro, entre os velos que ela daba e o nervioso que el estaba, apaghábanselle os mistos e non podía acendela. Por fin acendiu a vela, ela pariu felismente e de alí a un pouquiño díxolle:

—Apagha a vela, ho, que aínda pode valer pra outra ves.

A vela - O Xestal

Obra: A vela, do disco Contos de Bergantiños, 1988.
Biografía

Carlos Díaz Gestal, O Xestal (A Coruña, 1933-A Coruña, 1993), un folclorista que se autodefinía como «un contador de contos» e que acadou unha inmensa popularidade en Galicia na década dos sesenta e comezos dos setenta, faleceu o pasado luns aos 59 años na Coruña a causa dun derramo cerebral e onte foi enterrado no cemiterio parroquial de Razo-Carballo. Aínda que a maioría dos seus oíntes e seguidores o consideraban un humorista, nos seus múltiples discos e, sobre todo, nas súas actuacións, desde romarías a salas de festa, destilaba un intenso ton ácido e reivindicativo envolto na tradicional retranca do carácter campesiño. Malia todo iso, as súas gravacións encheron as programacións radiofónicas da época e chegou a recibir a Medalla al Mérito Turístico de mans do daquela ministro Manuel Fraga Iribarne. O Xestal, aínda que se converteu no prototipo de humor rural, naceu na Coruña no seo dunha familia obreira e empezou a súa carreira como folclorista nas agrupacións corais nas que se refuxiou na posguerra o sentimento cultural galeguista.

A finais dos setenta, coincidindo coa súa activa participación nas loitas contra a privatización dunhas marismas na comarca de Bergantiños, onde vivía, a súa faceta como showman caeu practicamente no esquecemento. Desde entón vivía pobremente nunha humilde casa rural, na que daba acubillo a todo tipo de marxinados. Ultimamente empezara a prodigarse de novo na radio e na televisión e preparaba a gravación dun disco.

Necrolóxica, por Xosé Manuel Pereiro, para o diario El País

 

O 2023 será o ‘Ano do Xestal’ en Carballo, tal como acordou a corporación municipal no pleno celebrado en xullo de 2022. A proposta aprobada inclúe a realización das xestións precisas para o traslado dos seus restos mortais desde o cemiterio parroquial de San Martiño de Razo, onde foi soterrado nun nicho cedido provisionalmente, ao cemiterio municipal de Carballo; a creación dunha comisión organizadora dos actos conmemorativos do ‘Ano do Xestal’, presidida polo alcalde ou persoa en quen delegue e formada por persoal de distintas áreas municipais e representantes de entidades e medios de comunicación aos que estivo ligado Carlos Díaz Gestal durante a súa estadía no noso concello, e o traslado deste acordo aos concellos nos que residiu ao longo da súa vida, así como á Xunta de Galicia e á Deputación Provincial da Coruña, para que se sumen, se así o consideran, á celebración.

Acordo da Corporación de Carballo en xullo de 2022

 

Así eran tamén os contos de Carlos O’Xestal, que oïamos os domingos ao mediodía na radio. Gaiteiro e contador de historias, O’Xestal era unha estraña celebridade na época da nosa infancia. Os seus heroes eran xente do pobo, a máis humilde, que saía triunfadora mediante o enxeño e a ironía. E falaban galego, cousa insólita nas emisións radiofónicas. Mesmo os maiores risos conseguíaos O’Xestal coas imitacións dos que intentaban disimular o seu acento, como quen se desprende dun estigma, con situacións tan cómicas como a do mozo que perde o embarque da Coruña a Bos Aires, e cando volta á casa, sen saír de Galicia, faino falando como un letrista de tango. A lingua galega era deste mundo, mais había un problema con ela. Lugares, momentos e situacións en que parecía un pecado nos labios. Vivía nas covas das bocas, mais dun xeito excéntrico, á maneira do vagabundo que esculca o camiño e a compaña antes de botar a andar. Un coñecido de meus pais visitounos para darlles a noticia de que por fin fora admitido como bedel dun banco. Déronlle os parabéns. Meu pai comentou: «E terás que mercar un traxe novo…» El respondeu cun curioso tratado de sociolingüística téxtil: «Xa está mercado! Onte probei coa gravata. Xusto ao apertar o no púxenme a falar un castelán macanudo.» O’Xestal facía rir a case todo o mundo ríndose de case todo o mundo, con ferretes que ás veces picaban a pel susceptíbel de tabús e complexos. Algunha vez actuou en ágapes onde estaban presentes as máis altas autoridades de paso por Galicia. Esa ocasional permisividade que se lle concede ao bufón ou ao cómico. Até que de súpeto desapareceu. A súa voz na radio. A súa imaxe, sempre co traxe típico, nos xornais. Non era algo do que eu fora daquela consciente, da desaparición do Xestal. O certo é que deixara de interesarme aquel tipo de humor enxebre. A cabeza andaba a outras cousas. Até que un día me encontrei cunha noticia na que reaparecía o humorista, mais non na páxina de espectáculos senón na de sucesos. Unha nota policial na que se falaba dunha redada na que foran detidas persoas consideradas «perigosos sociais». Entre eles, O’Xestal. Entrevisteino anos despois. Estarreceume o seu relato. Os malos tratos, a humillación, a experiencia terríbel da prisión en Badaxoz. Todo iso polo delito de ser homosexual. Durante o franquismo, a lei metía no mesmo saco a «proxenetas, rufianes y homosexuales». Cando saíu do cárcere, marcado como proscrito, era un rebelde. Un revolucionario. Con vida moi humilde, onda a súa nai, nunha aldeíña do litoral (Lema, en Baldaio) apostou a cabeza encabezando un movemento de resistencia para evitar a apropiación dun grande espazo natural. Entrelazados coa biografía, os seus contos de sempre acadaron outro sentido. Había moita dor detrás do humor. Pensei nel hai pouco, nese sorriso da retranca que non se despide nunca, que traspasa os velorios, que tenta acompañar mesmo no alén, cando vin todo ao longo da tapia dun cemiterio da costa unha pintada en brea que di dos mortos: Furtivos!

Ou sería unha mensaxe dos mortos para os vivos?

Manuel Rivas, en As voces baixas

Obra

Discos

Contos de Bergantiños. Dial Discos, 1988.

Contos galegos. Indalo, 1981.

Unha vella cuscuviñeira. Ruada, 1981.

Contos que van pra feira. Ruada, 1980.

Cancións e contos galegos. CBS, 1973.

O xestal. RCA Camden, 1970.

Cuentos gallegos. RCA Camden, 1969.

Consulta as demais paradas
Escultura Peixe
Casa natal Glz. Tiradas
Café Valle-Inclán
Mesón A Cabaña
Antiga estación trolebuses
Antigos Baños Vellos
Chocolates Mariño
Mercado municipal
Antigo Café Cervantes
11
Antigo colexio Leus
12
Antigo quiosco Pilapena
13
Antigo cárcere
14
Antiga dozaría Vella
15
Ferraxaría Pedrouzo
16
Casa natal A. Brañas
17
Calzados Mariño
18
Antiga escola do Xardín
19
Antiga Casa San Ramón
20
Casino
21
Casa natal S.L. Romero
22
Mesón
do pulpo
23
Fórum Carballo
24
Parque do San Martiño