Liña 1

3

Casa natal de González Tiradas

Cándido Alfonso González Tiradas

Carballo, 1905 - Buenos Aires, 1966
Xornalista e escritor

Na costa de Bergantiños,
do galego mar á beira,
preto de Razo e Malpica,
Rebordelos e Vilela,
do Lema, Noicela i outras
nobres i antiguas aldeas,
cóntase que xermolaban
aló, nas edades vellas,
sementes de maleficios
por meio dunha doncela,
a quen as bruxas donaban
extrana lus de traxedia.

¡Mal ollo!... Comedia de ambente mariñeiro

1954

Lugares
Na costa de Bergantiños,
do galego mar á beira,
preto de Razo e Malpica,
Rebordelos e Vilela,
do Lema, Noicela i outras
nobres i antiguas aldeas,
cóntase que xermolaban
aló, nas edades vellas,
sementes de maleficios
por meio dunha doncela,
a quen as bruxas donaban
extrana lus de traxedia.
Obra: ¡Mal ollo!... Comedia de ambente mariñeiro. Ediciones Lérez (Centro Pontevedrés da Arxentina), 1954.

Localización do panel: casa natal de González Tiradas (rúa Muíño).
¡Polos regachos de Cances
Brincan as troitas beilando,
E por Razo van as troulas
Co pandeiro trouleando!...
Obra: ¡Mal ollo!... Comedia de ambente mariñeiro. Ediciones Lérez (Centro Pontevedrés da Arxentina), 1954.
Biografía

Cándido Alfonso González Tiradas naceu en Carballo (A Coruña) o 13 de novembro de 1905. Os seus pais foron Francisco Enrique González Varela e Filomena Tiradas Devesa, sendo o cuarto de oito irmáns, que eran: Celsa, Manuel, Pedro (morreu os poucos días de nacer), Cándido (1905), Alfonso, Juanita (1913), María Josefa (1918) e Pedro.

Os seus avós por parte paterna eran María Josefa Varela e Pedro González Flórez, procurador dos Tribunais e alcalde de Carballo en varias lexislaturas.

Segundo fontes familiares, despois de pasar a infancia en Carballo, sobre 1918 marcha a estudar a Miranda de Ebro (Burgos) no Colexio Jovenado de los Redentoristas El Espino, no que estará cinco anos, etapa da que temos poucos datos só algunhas cartas que envía a familia onde se observan dúas cousas: moi boa letra e excelente redacción. Cando volta a Carballo, onde pasou sobre dous anos, sabemos que estuda co profesor Francisco Perdigón para ser mestre por libre e que traballa de tenedor de libros. Finalmente marcha para Bos Aires o 7 de xaneiro de 1925, con 19 anos.

As súas actividades, ademais da propia de escritor, foron intensas tanto a nivel político como cultural, como me ten confirmado o amigo Neira Vilas. Da súa ideoloxía galeguista, republicana e liberal danos fe os múltiples artigos en prensa diversa onde colabora, así como as súas conferencias, das que algunhas temos copia. El mesmo foi redactor e subdirector do semanario Galicia e subdirector durante cinco anos de Opinión Gallega.

Debemos subliñar que moitos dos artigos eran asinados baixo pseudónimos que mostraban por unha banda a súa faceta de polemista e por outra a utilización da toponimia carballesa como: Paio de Rebordelos, Alfonso A. Leriar ou Xilo da Goubea. Tamén colabora asiduamente no programa das festas de San Xoán de Carballo a solicitude dalgúns amigos del da infancia, sobre todo nos anos cincuenta, onde se observa un bo coñecemento da poesía galega.

A súa defensa da colectividade emigrante, do seu galeguismo, podemos observalos a través de diversos escritos como a súa Ponencia no Congreso da Emigración Galega celebrado en 1956, titulada Da necesidade de arrequecer a nosa cultura. Teatro galego e radiotelefonía. Nela fai unha firme defensa dun teatro galego con proxección universal así como a crenza de que o teatro é moi importante na educación dos pobos e no medre da súa conciencia nacional.

Tamén presentou outra ponencia no mesmo congreso como representante da Juventud Republicana Federal, Movimiento Federal, da que era secretario; titulouse As sociedades galegas, o que se ten feito , o que se pode facer. Aquí fai un canto a lingua e cultura galega, a necesidade da unión das distintas colectividades, sumar para “proxectar un programa de aición colectiva na emigración, que nos dé direito a procramar con razón de verdade: ¡Os tempos son chegados! E os tempos chegarán con alboradas de Patria redenta”.

Con motivo do aniversario do plebiscito do Estauto de Autonomía de 1936, que el mesmo impulsou dende o Centro Galego, pronunciou un solemne discurso o 28 de xuño de 1953 en defensa da autonomía galega.

Tamén realizou unha intensa actividade social, foi secretario do Club Deportivo Galicia, e membro, xunto coa súa dona, da Coral Terra Nosa do Centro Ourensán de Bos Aires e que en 1954 era integrante da comisión de Cultura do Centro Gallego e o mesmo do Centro Pontevedrés. Foi secretario xeral da S.C.R. de Carballo “Lar Bergantiñán” de Buenos Aires, nos anos cincuenta.

A súa morte produciuse o 26 de febreiro 1966 e os funerais celebráronse na igrexa de San Ignacio (Bolívar 225) de Buenos Aires.

Por último indicar que a súa obra principal foi a comedia de ambiente mariñeiro, como el mesmo a definía, ¡Mal Ollo!, Premio Castelao no concurso literario do centro Gallego de Bos Aires no ano 1953 e publicada por Ediciones Lérez do Centro Pontevedrés da Arxentina, en 1954. Ten un Limiar do secretario do centro pontevedrés, Antonio Rodiño Escudero e un Prólogo de Domingo García Sabell. A Ilustración da portada é de Laxeiro e a música (un alalá, unha pandeirada e unha muiñeira) e do mestre Adolfo Anta Seoane (A Coruña, 1900-1978) que fora director do coro Cantigas da Terra, dende 1928 ata 1951; fixo adaptación do Himno galego, que foi interpretado pola coral El Eco; membro da Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario. Interpretouse baixo a súa dirección por primeira vez o himno galego, diante de Franco, no concello da Coruña en setembro de 1958, conxuntamente con Aturuxo, El Eco e Cantigas da Terra.

Non facemos aquí unha análise da obra, simplemente indicar que volve outra vez a utilizar a toponimia carballesa e bergantiñán, dende o propio nome da embarcación “Bergantiñán” ata Lema, Razo, Noicela, Rebordelos, Cances, Monte Neme ou Malpica.

Foi autor ademais de dramas, poesía, glosas, comedias como: Mala Semilla (1932), Por la pendiente (1932); lendas como: A moza do Risco Roxo, O Castelo de lúa, A tumba dos namorados; estampas galegas: Esfolla na eira (en colaboración con Antón Comesaña), Terra nosa e Adiós Ríos, publicadas no 1949 polo semanario Galicia. E finalmente unha novela inédita.

Apunte biográfico publicado por Xan M. Fraga Rodríguez na revista Pomba Dourada

Obra

¡Mal ollo!… Comedia de ambente mariñeiro. Ediciones Lérez (Centro Pontevedrés da Arxentina), 1954.

Foi tamén autor de dramas, poesía, glosas e comedias (Mala Semilla e Por la pendiente, ás dúas de 1932)), de lendas (A moza do Risco Roxo, O Castelo de lúa e A tumba dos namorados) e de estampas galegas (Esfolla na eira, en colaboración con Antón Comesaña, Terra nosa e Adiós Ríos, publicadas en 1949 polo semanario Galicia).

Consulta as demais paradas
Escultura Peixe
Casa natal Glz. Tiradas
Café Valle-Inclán
Mesón A Cabaña
Antiga estación trolebuses
Antigos Baños Vellos
Chocolates Mariño
Mercado municipal
Antigo Café Cervantes
11
Antigo colexio Leus
12
Antigo quiosco Pilapena
13
Antigo cárcere
14
Antiga dozaría Vella
15
Ferraxaría Pedrouzo
16
Casa natal A. Brañas
17
Calzados Mariño
18
Antiga escola do Xardín
19
Antiga Casa San Ramón
20
Casino
21
Casa natal S.L. Romero
22
Mesón
do pulpo
23
Fórum Carballo
24
Parque do San Martiño
18
Parque da rúa Eduardo Pondal
18
Parque da rúa Eduardo Pondal
18
Parque da rúa Eduardo Pondal
18
Parque da rúa Eduardo Pondal