- Mesón A Cabaña (rúa Valle-Inclán)
—Dan —percuto, para pechar o ritmo da contundente sentenza.
—Sempre que pase por Carballo vou parar aquí. Entrei ao ler o nome do cartel...
—“A Cabaña”.
“CA-BA-ÑA” —queda no aire pendurado. Cos fonemas ben abertos. Como invitándonos a entrar no seu rumor maino e misterioso. A, a, a.
[...] Sen dúbida, a mellor saída de emerxencia que deseñei foi “A Cabaña”. A “Cabaña” actuou como invento holístico e multifuncional, xa que abranguía medos moi xenéricos e presentaba diversos servizos ás vítimas. En definitiva, exercía de refuxio ante calquera temor infantil. Era unha trincheira de resistencia contra tormentos concretos, mais tamén fronte a inquedanzas do máis etéreo, como a necesidade de abstraerse do ruído cotiá, da luz do día, da “normalidade” socialmente aceptada... De todo, comprendes? De todo.
[...] Eu estarei aquí, movendo os beizos que pronuncian os tres fonemas mestres, os máis abertos: a, a, a. Na “CABAÑA”, rúa de Valle Inclán, nº 15, onde ninguén desconfía de min!
—Outra copa?
Localización do panel: Mesón A Cabaña (rúa Valle-Inclán).
- Praia e mar de Razo (parroquia de Razo)
para que os bailaríns de tombos
conten, coas súas táboas volátiles,
o milagre da danza sobre as augas,
sobre a Galilea somerxida.
Rosalía Fernández Rial (Carballo-Muxía, 1988) concibiuse a través da palabra, ideando unha xénese inicial desde a literatura escrita e a linguaxe escénica. Na súa fase filolóxica indaga sobre teatro clásico e realiza diferentes traballos académicos vinculados ao Grupo de investigación Calderón de la Barca. Tras licenciarse inicia un período de mutación cara a didáctica das linguas, da literatura e da expresión dramática; primeiro no Traballo Fin de Máster e logo na súa Tese de doutoramento (a pesar da cal defende que o galego é unha “lingua ártica”). En calquera caso, nese proceso de transformación intelectual, mantivo sempre unha intensa preparación física e actoral, mediante as que intenta interpretarse. Ademais cursou estudos de música coa especialidade de acordeón no Conservatorio de Carballo.
Como creadora, en especial de poesía, Rosalía rexenérase en cada un dos seus libros, cos que se metamorfosea en presentacións performánticas e musicais e que tamén foron levadas ao ámbito audiovisual.
Aulas sen paredes (libro-DVD, 2016) é a súa obra de ensaio máis relevante, que deriva da Tese Doutoral defendida na USC o e inclúe un documental audiovisual coa intervención didáctica na que usa a expresión dramática e teatral como ferramentas pedagóxicas para o ensino e aprendizaxe de linguas. Este proxecto recibiu o premio á mellor iniciativa bibliográfica na Gala do Libro Galego 2017.
Unha vez personificada, Rosalía pasa da grafía á acción e actualmente está a desenvolver diversos proxectos nos que fusiona, evolucionadas, as dimensións literaria, corporal, escénica e experimental. Amálgama que lle permite aliar os seus seres baixo a sólida existencia dunha peza artística; única identidade importante.
Premios
Premio á mellor iniciativa bibliográfica da II Gala do Libro Galego no 2017, por Aulas sen paredes.
O seu poema A reflexión foi Premio aRi[t]mar 2021, convocado pola Escola Oficial de Idiomas de Santiago con apoio de institucións de Galiza e Portugal.
Poesía
Desnortada. CD con 8 poemas con voz da propia autora e composición musical e interpretación (acordeón) de María Álvarez Santiago. Espiral Maior, 2021.
Árbores no deserto. Galaxia, 2020.
SACAR a BAILAR. Poesía reunida (2009-2016). Edición bilingüe galego-castelán. Sial-Pigmalión, 2016.
Contra-acción. Neopàtria, 2016.
Ningún amante sabe conducir. Positivas, 2014.
Vinte en escena. Positivas, 2012.
Átonos. Poemario sensorial. Asociación Cultural Lumieira, 2011.
En clave de sol. Poemario musical. Asociación Cultural Lumieira, 2009.
Ensaio
Aulas sen paredes. Positivas, 2016.
Narrativa
Bonus Track. Galaxia, 2018.
En obras colectivas
Entre donas. Baía Edicións, 2o20.
Arrincando marcos 2019. Positivas, 2019.
O libro dos libros. Galaxia, 2018.
Pico Sacro. Ferido polo lóstrego e a lenda. Alvarellos, 2017.
Carballo, derrubando muros con pintura. Engaiolarte Edicións, 2017.
Catálogo. Con Paco Souto, Mon Lendoiro e Chiña. Caldeirón, Garabato, Lumieira, 2015.
150 Cantares para Rosalía de Castro. Libro dixital coordinado por Suso Díaz, 2015.
Contos de taberna. Edicións Embora, 2014.
Versus cianuro. Poemas contra a mina de ouro de Corcoesto. A. C. Caldeirón, 2013.
Versos no Olimpo. O Monte Pindo na poesía galega. Toxosoutos, 2013.
Un mar de sensacións. Rutas e poemas para descubrir a Costa da Morte. Con Xan Fernández Carrera. Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte, 2012.
Follas de Carballo. Asociación Cultural Lumieira, 2011.
Outros
A lúa, válvula de spray. Ficción sonora para o Festival Outono de Teatro de Carballo, con dramaturxia de Fernández Rial e dirixida por Quico Cadaval. 2020.