- Mesón do Pulpo (avenida Fisterra), praza do Concello.
Cando Carlos, magoado en corpo e alma, chegou a Carballo facía frío, caían unhas pingueiras e era noite pecha. Sorprendido e balbucinte preguntou a un viandante na Praza do Concello pola Avenida de Fisterra co fin de achegarse a un negocio de hostalería do que levaba o seu enderezo na carteira. De alí a uns minutos chegou ao seu destino e franqueou a porta do Mesón do Pulpo, un establecemento senlleiro con sona entre o seu dorido visitante cos seus mellores viños e viandas, manxar de deuses; cefalópodo patrio que Carlos Carballeira Barreira tiña interiorizado no seu maxín por telo catado varias veces no restaurante do Centro Galego de Montevideo. Mais, a malleira e o desgusto recibido apenas unha hora antes pecháralle o estómago e a alma a cal e canto e Carlos só acertou a pedir no Mesón do Pulpo, situado no número 23 da Avenida de Fisterra e repleto de bos arrecendos culinarios, unha aséptica tila mesturada cunha manzanilla.
Localización do panel: Mesón do Pulpo (avenida Fisterra).
Diplomado en Maxisterio e Licenciado en Filoloxía Hispánica, Fernando Cabeza Quiles (Ponferrada, 1953) dedícase ao estudo e divulgación da toponimia galega. Establecido en Carballo desde fai moitos anos, colabora adoito en prensa e radio. É tamén membro do Instituto de Estudos Bergantiñáns e da Asociación Galega de Onomástica.
Toponimia
Os nomes de lugar: topónimos de Galicia: a súa orixe e o seu significado. Xerais, 1992.
Os nomes da terra: topónimos galegos. Toxosoutos, 2000.
Toponimia de Galicia. Galaxia, 2008.
A toponimia celta de Galicia. Toxosoutos, 2014.
Toponimia da Estrada. Real Academia Galega-Asociación Galega de Onomástica, 2018.
Toponimia de Carballo. Real Academia Galega-Asociación Galega de Onomástica, 2020.
Ensaio
Galicia, o galego e os galegos. Toxosoutos, 2016.
Relatos
O segredo dos zapatos e outros contos. Noroeste, 1996. Reeditado por Edicións Embora, 2021.
Chamáchesme moreniña: noticias fantásticas. Toxosoutos, 2000.
Domingo de resurrección. Toxosoutos, 2005.
Contos azuis. Galaxia, 2009.
En obras colectivas
Unha de polbo, por favor. Incluído en Contos de taberna. Edicións Embora, 2014.
Casteloforte. Incluído en Follas de Carballo. A.C. Lumieira, 2011.
Poesía
Nós (VV. AA.). Concello de Corcubión, 1997.
Rumbo ás illas (VV. AA.). Asociación Cultural Monte Branco, 1997.
Obras en castelán
Ensaio
Galicia, lo gallego y los gallegos. Editorial Medulia, 2022.
Gallegos en las Alpujarras granadinas. Toxosoutos, 2005.