Liña 2

24

Parque do San Martiño

Mercedes Queixas Zas

A Coruña, 1968
Profesora, escritora e política

[...] A infancia, a buligar impulsivamente, desde a alborada inauguradora até a fin de festa no río, entre as cantarelas disonantes das tómbolas da praza, as atordadas carrilanas e as barulleiras atraccións do campo do San Martiño, cun sorriso de regalicia e ollos regalados permanentemente instalados nas caras sorprendidas".

Lingua de area

Relato incluído no libro colectivo Contos de taberna (2014)

Lugares

I

O ritual cumpríase puntualmente como unha trabada na secuencia imparábel do movemento do eixo temporal de rotación e translación.

Saudando felizmente o sempre tímido verán, aberta a porta de dobre folla ao relato vacacional, o san Xoán sacudía o ocaso preguiceiro da monotonía inverniza para proclamar a efémera hipnótica festeira nunha comarca que, por uns días, respiraba no seu epicentro un outro alento buligante longamente agardado.

Certificar a rutina para tornar e mover os sempre temerosos marcos do xogo e a vida: a vellice a reivindicar que calquera tempo pasado foi mellor, porque aquelas si que eran auténticas festas; a mocidade, a aspirar a un San Xoán aínda máis noctámbulo que o anterior onde o equilibrio negociador das horas paterno-materno-filiais puidesen favorecer encontros amigos e descubertas corporais iniciáticas entre os dedos inexpertos; a infancia, a buligar impulsivamente, desde a alborada inauguradora até a fin de festa no río, entre as cantarelas disonantes das tómbolas da praza, as atordadas carrilanas e as barulleiras atraccións do campo do San Martiño, cun sorriso de regalicia e ollos regalados permanentemente instalados nas caras sorprendidas.

Obra: Lingua de area. Incluído no libro colectivo Contos de taberna. Edicións Embora, 2014.

Localización do panel: parque do San Martiño.
Autobiografía

Madruguei un 22 de xullo de 1968 na cidade da Coruña. Presinto desde hai tempo que a época deixou pegada en min. Confirmei hai tempo, no entanto, que a acción de madrugar foi puramente accidental e moi lonxe de ser unha cualidade innata.

Dei os meus primeiros pasos e aprendéronme os comportamentos iniciais no medio rural onde, alén de meus pais, foi determinante a convivencia cos avós paternos e, e menor medida, cos maternos. Lembro un medio rural vivo, útil e, por tanto, necesario para as persoas que o traballaban, que iniciaban e remataban nel o ciclo vital. Un medio rural onde as persoas vivían cara á terra, nunca contra a terra.

Descubrín a cidade aos tres anos. Non debeu ser un medio deslumbrante nin demasiado traumatizador, pois non teño lembranzas moi nítidas. No entanto, nunca esquecerei a regra petando nos meus dedos apretados e apreixados pola man xenerosa da miña primeira profesora. A confirmación aínda viva do lema primate do mestre da miña nai: «La letra con sangre entra».

Continuei a miña vida escolar sempre na Coruña, mais sen perder nunca a ollada de esguello cara á aldea. A outra vida á que fuxía periodicamente en calquera data que supuxese un mínimo tempo de lecer.

Sempre a cidade e a aldea. Ou a cidade contra a aldea.

No instituto de Monelos (A Coruña) espertei a un mundo novo en que o idioma galego era, ademais de lingua de conversa espontánea, o vehículo de transmisión de coñecementos diferentes das preceptivas horas de lingua e literatura galega. Nas súas aulas descubrín a capacidade da miña lingua para me aprender palabras «finas» de filosofía, física e química, matemáticas… As palabras de meus avós e de meus pais en primeira liña e fóra do ámbito restrinxido da miña casa.

Teño que recoñecer que unha parte do profesorado do instituto deixou pegada forte na modelación da miña personalidade e, quizais, marcou a miña escolla posterior rumbo ao mundo da filoloxía galega.

Incorporeime no curso 1986/87 á Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña e, de novo, alí atopei grandes docentes que nos acolleron, aos que formábamos parte daquela primeira promoción, con afecto e proximidade, se ben non exento de rigor e de esixencia.

Rematada a carreira universitaria cumpría iniciar a consecución dunha meta inherente á condición de persoa adulta: a inserción no mundo laboral.

Deseguida, o xeneroso equipo da editorial Laiovento me abriu as portas do seu proxecto e durante cinco anos colaborei con esta empresa editorial como coordinadora. Esta etapa convértese na miña achega máis directa ao mundo do libro, dos escritores e das escritoras, do proceso de impresión, encadernación, edición… Un mundo complexo, ás veces, mais enriquecedor na miña formación, pois permitiume, ao longo de cinco anos, convivir día a día coa realidade literaria galega, manténdome á última dos novos autores e autoras en galego, das diferentes correntes traballadas ou innovadas, da necesidade de acrecentar o corpus literario galego coas traducións de obras clásicas…

Simultaneamente, dado que a docencia era desde había tempo un obxectivo a conseguir, presenteime ás oposicións ao ensino secundario e conseguín superalas no ano 1996, apenas catro meses antes de alcanzar outro grande logro como muller: o nacemento da miña primeira filla.

Desde o curso 1996/97 imparto aulas de lingua e literatura galega. O meu primeiro destino, froito do casual destino, volveu ser o IES Monelos, que supuxo o reencontro cos meus formadores e formadoras iniciais, xa agora convertidos en colegas, nunha nova experiencia gratificante. Mais axiña chegou o traslado ao CPI Alcalde Xosé Pichel, de Coristanco (A Coruña), onde sigo a exercer a docencia na actualidade.

Máis unha vez o medio rural comigo. Máis unha vez a realidade aldeá e a súa idiosincrasia particular.

O contacto directo coas aulas e as miñas inquedanzas por elaborar materiais didácticos para o alumnado leváronme a participar na redacción de diferentes libros de texto e unidades didácticas.

A escrita foi nacendo progresivamente, foi xurdindo sen a forzar, sen tan sequera procurala. Máis ben foron outros os que sempre me convidaron a trazar o camiño do cultivo da escrita. Non foi un camiño en solitario, pois sempre me sentín arroupada por amigos, compañeiros e compañeiras, familia, antigos profesores… Froito de todas e todos eles velaí están as miñas publicacións, o meu pequeno contributo a este país que adoro e a esta nosa historia literaria que abrolla futuro xeración tras xeración.

Comparto soles, ventos, treboadas, reloxos de area, vogais abertas e pechadas, foles novos, con moitas persoas boas que me rodean, que me aprenden, emocionan, fan rir, sorprenden, animan, acariñan, bican. Vivo contaxiada de moita vida viva. O resto ignóroo. Aprendino a tempo. Receita básica de sobrevivencia neste proceso de continua degustación que é a existencia.

Premios

Premio de ensaio da II Gala do Libro Galego no 2017, por Labrego con algo de poeta.

Premio de ensaio da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega no 2012, por Vivir, unha aventura irrepetíbel. Biografía de María do Carme Kruckenberg.

Obra

Ensaio

De pergamiños, follas voandeiras e libros ao .gal. Breve historia da literatura galega. Xerais, 2016.

Manuel María, palabra viva de amor e afirmación. La Voz de Galicia, 2016.

Labrego con algo de poeta. Biografía de Manuel María. Galaxia, 2016.

Lois Pereiro. A urxencia poética dun futuro alleo. Laiovento, 2011.

Vivir, unha aventura irrepetíbel. Biografía de María do Carme Kruckenberg. Galaxia, 2011.

Ramón Piñeiro. A expresión cultural dunha estratexia política. Laiovento, 2009.

Lingua e Literatura: 1º ESO. A Nosa Terra, 2003.

Lingua e Literatura: 2º ESO. A Nosa Terra, 2003.

Frei Martín Sarmiento. O inicio da recuperación da conciencia galega. Laiovento, 2002.

Breve historia da literatura galega. A Nosa Terra, 1999.

Os trobadores do Reino de Galiza: Martín Códax, Mendiño, Xoán de Cangas. A Nosa Terra, 1997.

Literatura infanto-xuvenil

Xandra, a landra que quería voar. Con ilustracións de Paula Pereira. Urco Editora, 2017.

Poesía

Partituras. Con Xoán Carlos Domínguez Alberte. Laiovento, 2019.​

Traducións

España uniforme, de José Ignacio Lacasta-Zabalza. Edicións Laiovento, 2001.

Nacionalismos no mundo, de Francisco Letamendia. Edicións Laiovento, 1997.

Edicións

Renacer á descuberta das palabras. De Nós. Monografías con perspectiva galega. A.V. Sermos Galiza, 2018.

O morto asasinado e outros contos, de María do Carme Kruckenberg. Galaxia, 2018.

En obras colectivas

Libres e vivas. Galaxia, 2021.

Antonio Fernández Morales, autor berciano. Bicentenario do seu nacemento (1817-2017). Edicións Fervenza, 2017.

150 Cantares para Rosalía de Castro. Libro electrónico, 2015.

Contos de taberna. Edicións Embora, 2014.

Lois Pereiro en 17 voces. La Voz de Galicia, 2011.

En defensa do Poleiro. A voz dos escritores galegos en Celanova. Toxosoutos, 2010.

55 mentiras sobre a lingua galega. Laiovento, 2009.

Ano Internacional das Linguas, 2008. Xornadas de Divulgación. Concello de Noia, 2008.

Linguas non normalizadas: presente e futuro. Actas do congreso (Pazo da Cultura de Pontevedra, 15, 16, 17 de novembro de 2001). Coordinadora con Gonzalo Constenla e Anxo Gómez Sánchez. AS-PG, 2002. 

Historia xeral da literatura galega. Con Anxo Gómez Sánchez. A Nosa Terra, 2001.

Obra literaria e xornalística: antoloxía, de Valentín Lamas Carvajal. Con Pilar García Negro e Anxo Gómez. AS-PG/A Nosa Terra, 1996.

Historia da literatura galega. A Nosa Terra-Asociación Sociopedagóxica Galega, 1996.

La Galiciana, de Xan da Cova. Con Anxo Gómez. Cadernos de Teatro, A Coruña, 1995.

Consulta as demais paradas
Escultura Peixe
Casa natal Glz. Tiradas
Café Valle-Inclán
Mesón A Cabaña
Antiga estación trolebuses
Antigos Baños Vellos
Chocolates Mariño
Mercado municipal
Antigo Café Cervantes
11
Antigo colexio Leus
12
Antigo quiosco Pilapena
13
Antigo cárcere
14
Antiga dozaría Vella
15
Ferraxaría Pedrouzo
16
Casa natal A. Brañas
17
Calzados Mariño
18
Antiga escola do Xardín
19
Antiga Casa San Ramón
20
Casino
21
Casa natal S.L. Romero
22
Mesón
do pulpo
23
Fórum Carballo
24
Parque do San Martiño